Logo dos catro concertos de inauguración, a 3ª MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR-UTOPÍA SON inicia os concertos dos concursantes. De Xuño a Setembro irán pasando polo escenario do Café Uf os 25 participantes que optan aos tres “Sirenos” cos seus correspondentes premios en metálico.
Durante os tres anos que leva realizándose UTOPÍA SON, foi aumentando a participación, tanto daqueles que concursan como os que o fan fóra de concurso co fin de apoiar esta MOSTRA de canción de autor.
Os 25 participantes representan todas as formacións e estilos posibles. Durante os próximos catro meses poderemos asistir a unha mostra do máis novidoso que se está a crear na canción en Galiza, en canto a música de autor. E cando dicimos “música de autor” referímonos a toda composición que poña por riba de calquera outra consideración, a calidade, especialmente das letras. E isto serve para calquera estilo de música, do rock ao folk, do jazz ao pop, do hip hop ao blues. En todos estes estilos presentáronse cancións en UTOPÍA SON.
A MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR consolídase como un proxecto totalmente autónomo, non subvencionado por institución algunha, feito que garante unha liberdade absoluta. Os premios económicos sufráganse exclusivamente grazas ao traballo que os organizadores realizan durante todo o ano. E os trofeos, os “Sirenos”, son a achega desinteresada dun artista plástico; este ano son tres cerámicas de Pilar Rubio Peixoto.
Queremos tamén sinalar que UTOPÍA SON, como calquera outra manifestación cultural, non pode, nin debe, manterse á marxe do que ocorre na sociedade. Por iso decidimos dedicar cada MOSTRA a unha causa cara á que dirixir a voz das nosas cancións. Neste III UTOPÍA SON intentamos pór os focos sobre ese terrible pesadelo que é a violencia de xénero. O segundo premio será para a canción que mellor denuncie esa odiosa secuela.
Todo o que UTOPÍA SON organiza arredor desta III MOSTRA estará dedicado fundamentalmente á muller.
Programaremos un CICLO DE CINE MUSICAL no que a muller sexa protagonista.
O CICLO DE MÚSICA FILMADA “As MULLERES CANTAN” estará adicado á muller como compositora e intérprete. Poderanse ver concertos de voces femininas que ao longo do século que vai da gran Bessie Smith á impresionante Ayo, deixaron unha pegada fundamental na música. Do jazz ao pop, de Brasil ao Líbano, percorreremos o mundo das voces femininas.
Faremos tamén unha gran exposición de vinilos, CDs e libros sobre a muller na o canción.
Realizaremos un ciclo de CONFERENCIAS DEBATE sobre a violencia de xénero e sobre a canción como arma de denuncia da situación da muller.
Durante os meses de Xullo, Agosto e Setembro organizaremos unha EXPOSICIÓN CONXUNTA de mulleres creadoras plásticas; pintura, debuxo, fotografía e cerámica.
Participarán: María José Troncoso, Pilar Rubio Peixoto, María Seoane Gomez, Patricia Skinner, Claudia Branca, Inés Montenegro…
Un día á semana realizaremos un maratón musical. Durante 12 horas ininterrompidas (de 12 da mañá a 12 da noite) proxectaremos filmacións adicadas á canción dun intérprete, un estilo ou un país.
UTOPÍA SON ten tamén o proxecto de repetir algún dos seus concertos en lugares non relacionados coa música que teñan un significado especial na cidade.
Desexamos que esta III MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR axude, na medida do posible a coñecer, fomentar e consolidar a canción de calidade en Galicia.
UTOPÍA SON
Vigo xuño do 2008
martes, 24 de junio de 2008
UTOPÍA SON: COMEZA O CONCURSO
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario