martes, 10 de junio de 2008

ATAQUE ESCAMPE

O CONCERTO DE ATAQUE ESCAMPE
INAUGURA UTOPÍA SON III
Cando no 2006, na I MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR, apagáronse as luces da sala e empezou o seu concerto ATAQUE ESCAMPE, xurdiu esa maxia que non deixa de alegrarnos a vida con cada un dos concertos que nos regalan.
Aquel proxecto que era UTOPÍA SON, construído sobre a nada, pois nin sequera sabiamos se neste país había música de autor, de súpeto atopaba a expresión exacta do que buscaba. A vida que adoita ser unha charanga desafinada, ás veces, por estrañas e misteriosas causas, afina. É cando todo parece ter sentido: o esforzo altruísta, as discusións, a tensión do traballo a contracorrente e a contra sistema, as dúbidas, o cansazo…, ao final, terminan dando un froito sorprendente, máxico, inesperado. O puto puzzle da vida marabillándonos cando as pezas encaixan. Aquel UTOPÍA SON creouse para que ATAQUE ESCAMPE actuasen, e aquel premio creouse para a súa canción AFGANISTÁN CANTO.
Habería que dicir que ninguén aquí coñecía a ningún dos compoñentes do grupo, nin ao grupo, nin creo que ninguén do grupo coñecese o café UF ou UTOPÍA FORO.



A banda desdenhada (entre o leo e o mamoneo)


Entre unha vintena de participantes, algúns deles cunha calidade que parecería inxusto que non gañasen, estaba aquela demoledora, audaz, sarcástica, canción de ATAQUE ESCAMPE. Un escuro salmo roto, desgarrado, desesperado e tolo, de loita e derrota, de resistencia e insistencia. Palabras escritas con navallas afiadas, nihilismo redimido por un humor encabuxado, pesimismo enraizado na desesperación que produce a impotencia ante a barbarie na que nos fan vivir os amos do mundo, a confusión de quen se sabe con razón pero sen forza, e sofre a forza dos que lle importa un carallo a razón. Subliñado todo por unha melodía sinxela e eficaz que nun case recitado reforzaba unha letra que se move polo fío dos pesadelos dalgún xuíz. E sobre todo, soaban a algo novo.

As limitacións do grupo, reducido, precario, primitivo, movéndose entre os límites imposibles que hai entre un cazú e un violín, deixaban a ese “Afganistán Canto”, espido, case en carne viva. Son sen adornos para unha letra de desesperado humor… ou amor… ou temor… Ás veces a vida convirte en virtude o defecto.

Cancións como balas envolvidas no celofán do sarcasmo, outras envoltas en tenrura de estraza. Poesía crúa e dura. Unha estraña harmonía onde ata os aparentes “happy end” teñen o resaibo amargo do cine negro, quizais de serie B.

"Joder" Volvía haber palabras e intelixencia nese xigantesco vertedoiro de ditas e desditas amorosas en que se converteu a canción. Poesía de verdade, de vísceras, que non repite fórmulas repetidas e repetidas ata a nausea. Hai boas cancións, hai bos cantantes, hai bos músicos; hai un millón de cancións que falan de amores felices, e dez millóns que falan de amores desgraciados, hai moito cante e moito cantante, moitos… pero cantos nos dan iso que os xitanos chaman “pellizco”. Iso que nada sabe de fa sostido, nin de tons, nin de corcheas, nin de brancas nin de negras pero que nos conmove ata os bemoles. Iso que en metade do alubión sonoro que nos rodea durante todas as horas de todos os días, páranos e nos “pellizca”. É o inaprensible, o misterio, a maxia.

E sobre todo, está a voz, a interpretación, dun cantante que se sae de calquera molde. Expresividade e orixinalidade vinda dalgunha cidade galega fundada nalgunha afastada galaxia. Estamos seguros de que terminaremos colocando a Alex Charlón nun pedestal máis alto que o que ten a escultura que Leiro chamou “Anxo Caído”, e os vigueses “Sireno”

Cando no 2006 ATAQUE ESCAMPE subiu ao escenario do café UF soubemos que debiamos seguir adiante con aquel proxecto que era UTOPÍA SON. E se conseguimos darlle un pequeno alento para que percorran uns metros máis de camiño serviría para moito. Desde logo a nós déronnos unha razón para percorrer, polo menos, dúas UTOPÍAS SON máis.

Volveron a actuar varias veces máis neste escenario, a última vez que o fixeron foi para inaugurar esta III MOSTRA e presentar o seu disco GALICIA ÉS UNA MIERDA, e sempre se produce a mesma maxia

Son o noso amuleto da sorte, o talismán de UTOPÍA SON.

Do seu novo disco falaremos máis adiante, agora estamos gozándoo. Gústanos, gústanos moitísimo. Un traballo ben feito. Sabiamos que sería así.

UTOPÍA SON

No hay comentarios: