martes, 24 de junio de 2008

PROGRAMA DE ACTUACIÓNS


U T O P Í A S ON III
PROGRAMA DE ACTUACIÓNS


CONCERTOS DE INAUGURACIÓN
MORAU ………………….. Sábado 31 de Maio ás 24 h.
ATAQUE ESCAMPE ……. Sábado 7 de Xuño ás 24 h.


MES DE XUÑO
YHOSVANY PALMA ….. Venres día 13 ás 24 h. (F. de C.)
ALBERTO LÓPEZ …........ Venres día 20 ás 24 h.
CÉSAR DE CENTI &ÁNGEL ALONSO … Venres día 27 ás 22,30 h.

MES DE XULLO
YHOSVANY PALMA …….Venres día 11 ás 24 h.
FÁTIMA BAÑA …………. Xoves día 10 ás 23 h.
FERMÍN DOMEQUE …… Sábado día 12 ás 24 h.
AKA GOLPE LETAL ……. Venres día 18 ás 24 h.
EXPEDIENTE OCULTO .... Sábado día 19 ás 24 h.

MES DE AGOSTO
MIGUEL CASTRO………. Venres día 1 ás 24 h.
PEDRO ROMÁN………… Sábado día 2 ás 24 h. (F. de C.)
YHOSVANY PALMA …... Venres día 8 ás 24 h. (F. de C.
SERVANDO BARREIRO... Sabado día 9 ás 24 h.
AITOR GÓMEZ …………. Sábado día 16 ás 24 h.
SIRENO …………………. Venres día 22 ás 24 h.
XOSÉ CONSTENLA e
JAVIER BERGIA ..…… … Sábado día 23 ás 24 h. (F. de C.)
NOTARIOS……………….. Venres día 29 ás 24 h.
IGNACIO PRIETO……..... . Sábado día 30 ás 24 h.

MES DE SETEMBRO
JIT…………………………..Venres día 5 ás 24 h.
WOODY’S GUITAR ……... Sábado día 6 ás 24 h.
YHOSVANY PALMA …… Venres día 12 ás 24 h. (F. de C.)
JOSÉ MORALES …………..Sábado día 13 ás 24 h.
DESAFINADAS…………. . Venres día 19 ás 24 h.
RODRIGO LARRIGUE…... Sábado día 20 ás 24 h.


ENTREGA DE PREMIOS Sábado día 27 de agosto ás 23

ALBERTO LÓPEZ

UTOPÍA SON: COMEZA O CONCURSO


Logo dos catro concertos de inauguración, a 3ª MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR-UTOPÍA SON inicia os concertos dos concursantes. De Xuño a Setembro irán pasando polo escenario do Café Uf os 25 participantes que optan aos tres “Sirenos” cos seus correspondentes premios en metálico.
Durante os tres anos que leva realizándose UTOPÍA SON, foi aumentando a participación, tanto daqueles que concursan como os que o fan fóra de concurso co fin de apoiar esta MOSTRA de canción de autor.

Os 25 participantes representan todas as formacións e estilos posibles. Durante os próximos catro meses poderemos asistir a unha mostra do máis novidoso que se está a crear na canción en Galiza, en canto a música de autor. E cando dicimos “música de autor” referímonos a toda composición que poña por riba de calquera outra consideración, a calidade, especialmente das letras. E isto serve para calquera estilo de música, do rock ao folk, do jazz ao pop, do hip hop ao blues. En todos estes estilos presentáronse cancións en UTOPÍA SON.

A MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR consolídase como un proxecto totalmente autónomo, non subvencionado por institución algunha, feito que garante unha liberdade absoluta. Os premios económicos sufráganse exclusivamente grazas ao traballo que os organizadores realizan durante todo o ano. E os trofeos, os “Sirenos”, son a achega desinteresada dun artista plástico; este ano son tres cerámicas de Pilar Rubio Peixoto.

Queremos tamén sinalar que UTOPÍA SON, como calquera outra manifestación cultural, non pode, nin debe, manterse á marxe do que ocorre na sociedade. Por iso decidimos dedicar cada MOSTRA a unha causa cara á que dirixir a voz das nosas cancións. Neste III UTOPÍA SON intentamos pór os focos sobre ese terrible pesadelo que é a violencia de xénero. O segundo premio será para a canción que mellor denuncie esa odiosa secuela.
Todo o que UTOPÍA SON organiza arredor desta III MOSTRA estará dedicado fundamentalmente á muller.

Programaremos un CICLO DE CINE MUSICAL no que a muller sexa protagonista.

O CICLO DE MÚSICA FILMADA “As MULLERES CANTAN” estará adicado á muller como compositora e intérprete. Poderanse ver concertos de voces femininas que ao longo do século que vai da gran Bessie Smith á impresionante Ayo, deixaron unha pegada fundamental na música. Do jazz ao pop, de Brasil ao Líbano, percorreremos o mundo das voces femininas.

Faremos tamén unha gran exposición de vinilos, CDs e libros sobre a muller na o canción.

Realizaremos un ciclo de CONFERENCIAS DEBATE sobre a violencia de xénero e sobre a canción como arma de denuncia da situación da muller.
Durante os meses de Xullo, Agosto e Setembro organizaremos unha EXPOSICIÓN CONXUNTA de mulleres creadoras plásticas; pintura, debuxo, fotografía e cerámica.

Participarán: María José Troncoso, Pilar Rubio Peixoto, María Seoane Gomez, Patricia Skinner, Claudia Branca, Inés Montenegro…

Un día á semana realizaremos un maratón musical. Durante 12 horas ininterrompidas (de 12 da mañá a 12 da noite) proxectaremos filmacións adicadas á canción dun intérprete, un estilo ou un país.

UTOPÍA SON ten tamén o proxecto de repetir algún dos seus concertos en lugares non relacionados coa música que teñan un significado especial na cidade.

Desexamos que esta III MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR axude, na medida do posible a coñecer, fomentar e consolidar a canción de calidade en Galicia.

UTOPÍA SON
Vigo xuño do 2008

martes, 17 de junio de 2008

YHOSVANY PALMA

Yhosvany Palma, 1971, pertence á nova xeración da trova cubana, é un compositor e intérprete polifacético e versátil.
En 1985 comeza a súa andaina no mundo da Trova, baixo a asesoría e amizade do cantautor cubano Vicente Feliú, facendo talleres musicais e distintas presentacións na cidade da Habana.
Desde 1990 realizou diversos concertos e presentacións en escenarios relevantes de Cuba e compartiu táboas con artistas como Silvio Rodríguez, Lázaro García, Daniel Viglietti, Santiago Feliú, Alejandro Filio, Vicente Feliú, etc.
Desde o ano 99 en que chega e fixa a súa residencia en Madrid é un habitual nos cafés-concerto e salas dedicadas á canción de autor, en diferentes recunchos da península, actuando en salas como Galileo Galilei (Madrid), Liberdade 8 (Madrid), Clamores Jazz (Madrid), London Bar (Barcelona), O Secadero (Selecta), Bar Nasants (Barcelona), Teatro García Lorca (Xetafe), Malaga Café (Córdoba).

Coas súas cancións Yhosvany foi capaz de conquistar ao público español e á crítica. No ano 2001 gana en Xetafe, o coñecido certámen ¿E Ti que tocas?, celebrado nesta localidade desde fai varios anos e que lle brindou a posibilidade de gravar dúas cancións con outros grupos da localidade tamén gañadores deste certame.
En marzo do 2002 o artista e cantante Raphael escolle, baixo o auspicio da editorial BAIXA MUSIC, o tema de Yhosvany Palma "O Amor vai comigo" para incluílo no repertorio do seu último disco "De volta".
Nese mesmo ano pasase a formar parte da editorial Universal Music. Tamén ese mesmo ano a súa canción "Fillos da Fortuna" interpretada polo trobador e Inma Serrano é incluída nun disco patrocinado por Médicos do Mundo co fin de recoller fondos para misións humanitarias "Sen o teu corazón non somos nada" e que contou así mesmo coa colaboración doutros artistas como Javier Ruibal, Jorge Drexler e Pablo Carbonell.
Desde Agosto do 2005 Yhosvany Palma reside en Vigo conquistando o corazón dos galegos coas súas cancións.
En xullo do 2006 gana o segundo premio da “Iª MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR UTOPIA SON” celebrado no café concerto "Uf", nesta mesma cidade. En agosto deste ano grava nos estudos Abdala da Habana o seu primeiro disco en solitario, baixo a dirección artística de Vicente Feliú e a colaboración entre outros de Santiago Feliú, Lázaro García, e Aurora de Ándelos.
" Dose de Amor " que así se titula este disco, promete ser un percorrido pola traxectoria musical do trobador. E propón doce dose de amor para corazóns adictos ao desvelo.
En agosto de 2007 gana o primer premio da “II Mostra de Canción de Autor Utopía Son” celebrado no Café UF de Vigo coa canción “ Irse”.

martes, 10 de junio de 2008

ATAQUE ESCAMPE

O CONCERTO DE ATAQUE ESCAMPE
INAUGURA UTOPÍA SON III
Cando no 2006, na I MOSTRA DE CANCIÓN DE AUTOR, apagáronse as luces da sala e empezou o seu concerto ATAQUE ESCAMPE, xurdiu esa maxia que non deixa de alegrarnos a vida con cada un dos concertos que nos regalan.
Aquel proxecto que era UTOPÍA SON, construído sobre a nada, pois nin sequera sabiamos se neste país había música de autor, de súpeto atopaba a expresión exacta do que buscaba. A vida que adoita ser unha charanga desafinada, ás veces, por estrañas e misteriosas causas, afina. É cando todo parece ter sentido: o esforzo altruísta, as discusións, a tensión do traballo a contracorrente e a contra sistema, as dúbidas, o cansazo…, ao final, terminan dando un froito sorprendente, máxico, inesperado. O puto puzzle da vida marabillándonos cando as pezas encaixan. Aquel UTOPÍA SON creouse para que ATAQUE ESCAMPE actuasen, e aquel premio creouse para a súa canción AFGANISTÁN CANTO.
Habería que dicir que ninguén aquí coñecía a ningún dos compoñentes do grupo, nin ao grupo, nin creo que ninguén do grupo coñecese o café UF ou UTOPÍA FORO.



A banda desdenhada (entre o leo e o mamoneo)


Entre unha vintena de participantes, algúns deles cunha calidade que parecería inxusto que non gañasen, estaba aquela demoledora, audaz, sarcástica, canción de ATAQUE ESCAMPE. Un escuro salmo roto, desgarrado, desesperado e tolo, de loita e derrota, de resistencia e insistencia. Palabras escritas con navallas afiadas, nihilismo redimido por un humor encabuxado, pesimismo enraizado na desesperación que produce a impotencia ante a barbarie na que nos fan vivir os amos do mundo, a confusión de quen se sabe con razón pero sen forza, e sofre a forza dos que lle importa un carallo a razón. Subliñado todo por unha melodía sinxela e eficaz que nun case recitado reforzaba unha letra que se move polo fío dos pesadelos dalgún xuíz. E sobre todo, soaban a algo novo.

As limitacións do grupo, reducido, precario, primitivo, movéndose entre os límites imposibles que hai entre un cazú e un violín, deixaban a ese “Afganistán Canto”, espido, case en carne viva. Son sen adornos para unha letra de desesperado humor… ou amor… ou temor… Ás veces a vida convirte en virtude o defecto.

Cancións como balas envolvidas no celofán do sarcasmo, outras envoltas en tenrura de estraza. Poesía crúa e dura. Unha estraña harmonía onde ata os aparentes “happy end” teñen o resaibo amargo do cine negro, quizais de serie B.

"Joder" Volvía haber palabras e intelixencia nese xigantesco vertedoiro de ditas e desditas amorosas en que se converteu a canción. Poesía de verdade, de vísceras, que non repite fórmulas repetidas e repetidas ata a nausea. Hai boas cancións, hai bos cantantes, hai bos músicos; hai un millón de cancións que falan de amores felices, e dez millóns que falan de amores desgraciados, hai moito cante e moito cantante, moitos… pero cantos nos dan iso que os xitanos chaman “pellizco”. Iso que nada sabe de fa sostido, nin de tons, nin de corcheas, nin de brancas nin de negras pero que nos conmove ata os bemoles. Iso que en metade do alubión sonoro que nos rodea durante todas as horas de todos os días, páranos e nos “pellizca”. É o inaprensible, o misterio, a maxia.

E sobre todo, está a voz, a interpretación, dun cantante que se sae de calquera molde. Expresividade e orixinalidade vinda dalgunha cidade galega fundada nalgunha afastada galaxia. Estamos seguros de que terminaremos colocando a Alex Charlón nun pedestal máis alto que o que ten a escultura que Leiro chamou “Anxo Caído”, e os vigueses “Sireno”

Cando no 2006 ATAQUE ESCAMPE subiu ao escenario do café UF soubemos que debiamos seguir adiante con aquel proxecto que era UTOPÍA SON. E se conseguimos darlle un pequeno alento para que percorran uns metros máis de camiño serviría para moito. Desde logo a nós déronnos unha razón para percorrer, polo menos, dúas UTOPÍAS SON máis.

Volveron a actuar varias veces máis neste escenario, a última vez que o fixeron foi para inaugurar esta III MOSTRA e presentar o seu disco GALICIA ÉS UNA MIERDA, e sempre se produce a mesma maxia

Son o noso amuleto da sorte, o talismán de UTOPÍA SON.

Do seu novo disco falaremos máis adiante, agora estamos gozándoo. Gústanos, gústanos moitísimo. Un traballo ben feito. Sabiamos que sería así.

UTOPÍA SON

lunes, 9 de junio de 2008

MORAU



Andoni Tolosa (Morau) , nacido en Hernani en 1963, crece musicalmente nun período , os oitenta, no que o rock toma posesión da rúa , á vez que o legado musical dos setenta entra nunha profunda crise de personalidade.
Sen présa , con ganas e con paciencia , Morau rabúñalle ao destino unas cantas cancións de palabra e guitarra.Pezas de artesanía que grava en casetes e promociona de man en man , de taberna en taberna.Da súa época maketera recórdase con aprecio "Morau-Bakalau",onde demostra intención , graza e excelente apaño para compor narracións tan xocosas como directas.




Co presente máis favorable cara ás propostas solistas, Morau percorre numerosos recunchos animosos.Ironías e cervexas comparten a creación dun músico proclive á evolucíon, como demostra "Amodio domestikoa".O álbum máis enxeñoso e variado dos que se botou á súa mochila. .

Coa edición do cuarto disco titulado 'Kalamidadiak' e no que está acompañado polo grupo Agotak., trátase dun traballo distinto ao anterior, denominado 'Txukalda', xa que está composto por cancións creadas «pensando no grupo», o que lugar a un ramallete de composicións coa «forza e velocidade do rock and roll», engadindo a «frescura e os refráns tarareables do power pop».
O contido de 'Kalamidadiak' presenta cancións «directas, melódicas, que transmiten optimismo e alegría», e que se adhiren á memoria inmediatamente», obxectivo que 'Morau' persegue a través dunha «radiografía clarificadora e incómoda dalgúns dos problemas que, na súa opinión, afectan á sociedade vasca hoxe día».

Gaztelupeko Hotsak de Soraluze edita o cuarto disco de 'Morau'

martes, 3 de junio de 2008

Ataque Escampe presenta "Galicia es una mierda"



Sábado 7 de xuño ás 23,30 h.
No Café UF. R/ Pracer 19 Vigo